No día de hoxe, venres 26 de abril de 2013 houbo unha asemblea xeral extraordinaria convocada pola ANPA co motivo do borrador que a Xunta está tratando de facer efectivo e que se refire ó REPAGO DO COMEDOR ESCOLAR.
O primeiro que hai que resaltar é a importante participación de pais, nais, persoal docente e dirección do CPI, así como a asistencia de representantes das ANPAS dos colexios de Moeche, Cedeira, Somozas e Valdoviño.
Dende a ANPA queremos agradecer o esforzo realizado por todos os asistentes á xuntanza e convidar a tódolos pais e nais a participar masivamente para defender uns dereitos que non debemos permitir que nos quiten. Os nosos fillos e fillas xa teñen pagada a comida cos nosos impostos e tributos que non nos perdoan.
Sabede que na Asamblea de hoxe decidíuse convocar para o xoves 2 de maio unha xuntanza-merenda ás 17:15 da tarde no patio da Escola que será simultánea tamén nos patios dos outros centros participantes na Asamblea (a excepción da Escola de Moeche que virán a merendar con nós). Esperamos encher o patio de fiambreiras!
Outra das medidas levadas a cabo foi o reparto de follas para a recollida de firmas en contra do repago (desexamos facer moitas fotocopias…) que se deberán entregar antes do 4 de maio xa que remata o prazo de presentación de alegacións ó borrador.
Seguiremos informando das medidas que se vaiamos decidindo entre todos e por último sabede que sen participación do colectivo de pais e nais nada se poderá facer.
Animádevos a participar que se trata dos nosos fillos e fillas!