Arquivos mensuais: Abril 2013

Asamblea de ANPAS en Sansa

No día de hoxe, venres 26 de abril de 2013 houbo unha asemblea xeral extraordinaria convocada pola ANPA co motivo do borrador que a Xunta está tratando de facer efectivo e que se refire ó REPAGO DO COMEDOR ESCOLAR.

O primeiro que hai que resaltar é a importante participación de pais, nais, persoal docente e dirección do CPI, así como a asistencia de representantes das ANPAS  dos colexios de Moeche, Cedeira, Somozas e Valdoviño.

Dende a ANPA queremos agradecer o esforzo realizado por todos os asistentes á xuntanza e convidar a tódolos pais e nais a participar masivamente para defender uns dereitos que non debemos permitir que nos quiten. Os nosos fillos e fillas xa teñen pagada a comida cos nosos impostos e tributos que non nos perdoan.

Sabede que na Asamblea de hoxe decidíuse  convocar para o xoves 2 de maio unha xuntanza-merenda ás 17:15 da tarde no patio da Escola que será simultánea tamén nos patios dos outros centros participantes na Asamblea (a excepción da Escola de Moeche que virán a merendar con nós). Esperamos encher o patio de fiambreiras!

Outra das medidas levadas a cabo foi o reparto de follas para a recollida de firmas en contra do repago (desexamos facer moitas fotocopias…) que se deberán entregar antes do 4 de maio xa que remata o prazo de presentación de alegacións ó borrador.

            Seguiremos informando das medidas que se vaiamos decidindo entre todos e por último sabede que sen participación do colectivo de pais e nais nada se poderá facer.

             Animádevos a participar que se trata dos nosos fillos e fillas!

 

 

Advertisement

Proxecto Decreto que regula comedores escolares 2013

Borrador do decreto de comedores remitido por a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
“Somos a única comunidade de todo o Estado que vai obrigar ás familias a pagar por un servizo necesario para escolarizar ao alumnado que ten que usar necesariamente o transporte escolar”

Apoio á ANPA do CPI de Valdoviño

Na asamblea da ANPA celebrada o venres 19-04-2013 acordouse apoiar á ANPA do CPI de Valdoviño na súa marcha desde o colexio ao concello de Valdoviño prevista para o martes 23-04 en defensa da gratuidade do servizo de comedor xa que nós temos o mesmo problema, por tanto emplazamos-vos a que vaiades todos os que poidades, a marcha vai saír ás 6 da tarde do CPI de Atios.

En canto teñamos o borrador do decreto que tenta aprobar a Xunta publicaremo-lo.

“NON” AO REPAGO DOS COMEDORES ESCOLARES

     CONFAPA-GALICIA DICE “NON” AO REPAGO

     DOS COMEDORES ESCOLARES 

O Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, afirmou no último pleno que ía “extender” o copago dos comedores escolares, que deixarán de ser gratis para o 34,25% dos usuarios galegos. O prezo máximo ascende a 4,5 euros.

 Desde CONFAPA-GALICIA manifestamos o noso total desacordo a este re-pago.

A Escola Pública está pagada cos nosos impostos que tamén se utilizan, sen ter en conta a nosa opinión, para soster empresas privadas de Educación con fondos públicos. A Educación non pode ser un negocio e moito menos un negocio onde o goberno invirte cartos dos contribuíntes.

 Hai que ser conscientes da importancia do comedor escolar para a conciliación das familias e de que é un dos servizos que debe ofertar a Escola Pública. Este recorte, como tantos outros, realiźase ao abeiro da crise e esta, á súa vez, susténtase na chamada “débeda nacional”. Pretenden facernos crer que estas medidas se toman para solucionar algo e iso non é certo, xa que se toman para conquerir o obxectivo de beneficiar ao poder financieiro e lograr unha clase traballadora con moitos menos dereitos. E o peor é que non son medidas pasaxeiras senon froito dunha estratexia.

 Os dereitos que tardamos tanto en conseguir,  non os imos recuperar se deixamos que se perdan. A Educación Pública non debe pagar a débeda dos bancos: público non significa “do goberno”, senon de todos os cidadáns e cidadás. O público debe ser intocable, respectado por riba da ideoloxía do goberno de turno.

 A medida que pretenden aplicar desde a Consellería atenta directamente contra “o público” así entendido. Tal Consellería debería ser consciente do dano irreparable que se está a facer aos centros do rural. Supoñémos sabedores aos responsables da Consellería de Educación de que moitos máis rapaces dos que cremos, fan a única comida en condicións ao día precisamente no colexio.

A Administración é sempre subsidiariamente responsable da Educación; e mentres haxa un neno ou unha nena con calquera tipo de necesidade, é responsabilidade da Consellería.

 Por outra banda, consideramos que o uso do transporte escolar non debe tomarse como modelo prioritario para a gratuidade do comedor. Familias que vivan a cen metros do centro educativo poden precisar de xeito urxente un servizo que, ademáis, está incluído na Programación Xeral Anual de todos os Centros, e que é atendido por nais e pais sen contrato e a quen se lles paga a dous ou tres meses vista.

 Queremos transmitir ás Anpas Federadas así como ao conxunto da cidadanía que as nais e pais da escola pública non imos repagar un servizo que nos corresponde por dereito. Defendemos, como sempre o fixemos, unha educación pública gratuíta, de calidade, de todos e para todos.

 A falta de cartos que alega a Consellería non é recoñecida por nós que, como cidadáns vemos como se dilapidan noutros asuntos supérfluos. Non pedimos senon que esiximos que a Consellería de Educación execute XA o estipulado pola Xustiza e retire INMEDIATAMENTE os concertos ás empresas privadas de educación que segregan por sexos, sen esperar á implantación da LOMCE que invalidaría a sentenza do TSXG. Porque contra tal Anteproxecto tamén estamos a loitar xunto co resto da comunidade educativa.

Unha vez recuperados os 3-5 millóns de euros destinados a eses Centros, a Consellería debe investir nos comedores que hoxe quere desmantelar.

 En canto ao tema dos “tuppers”, é unha posibilidade que nin sequera queremos contemplar por segregadora: a escola pública sempre defendeu e defenderá a igualdade entendida como equidade e non discriminación en ningún dos seus posibles sentidos.

   Xunta Directiva de CONFAPA-GALICIA.

 MARZO DE 2013.

podedes descargar en pdf ComunicadoCONFAPAsobrecomedores